3 Junho 2014, Diario Liberdade http://www.diarioliberdade.org
(Galiza)
Diário Liberdade -- No Diário Liberdade achamos
importante dar a conhecer as posiçons da esquerda soberanista galega perante a
intençom do regime espanhol de trocar a cabeça do seu Estado. Oferecemos a
seguir as posiçons de duas centrais sindicais galegas, CIG e CUT, reproduzindo
os seus comunicados no mesmo dia da abdicaçom.
CIG/Non máis monarquía!
Por unha república galega plenamente soberana
Posicionamento da CIG diante do anuncio de abdicación
do xefe de Estado español.
A Confederación Intersindical Galega, como
organización sindical das traballadoras e traballadores galegos, constituída
para a mellor defensa dos seus intereses e que aspira a unha Galiza plenamente
soberana, considera que o anuncio da abdicación do xefe do Estado español
responde a unha manobra para intentar garantir a continuidade da monarquía e do
propio sistema.
A CIG quere lembrar que o rei, malia a operación
cosmética do proceso de transición e
a propaganda mediática que pretendeu
instalalo no imaxinario colectivo como o máximo defensor da democracia, foi
designado a dedo polo ditador, referendado en 1969 polas Cortes franquistas e
que asinou, para garantir así o seu nomeamento, os principios do 'Movimiento'.
Atendendo a isto, a CIG entende que a monarquía é unha
institución anacrónica e antidemocrática que ten, para o sistema xurdido dese
fraudulento proceso de transición, o fin único de garantir a unidade de España
e a defensa dos intereses de clase da oligarquía española.
Esta abdicación prodúcese no momento no que o rei e a
propia monarquía sofren o maior desgaste da historia; no que a clase
traballadora está a sufrir fortes recortes de dereitos laborais e sociais cun
gravísimo empeoramento da súa calidade de vida; no que os pobos das nacións sen
estado emerxen reclamando o seu dereito a decidir e no que existe un
cuestionamento do propio sistema por amplos sectores da sociedade.
Este contexto político, económico e social é o que
leva a que por parte da burguesía española se promova esta abdicación para pór
en marcha unha nova operación cosmética colocando ao seu herdeiro para intentar
salvar, non só á propia monarquía, senón tamén o actual sistema capitalista e
neoliberal e un modelo de Estado profundamente centralista, negador do seu
carácter plurinacional o do dereito de autodeterminación das nacións que o
integran.
CUT/A CUT diante da
abdicación do borbón
Coñecida a noticia da abdicación do Rei, para darlle
paso na sucesión real ó seu fillo, a CUT como organización sindical de clase,
ten que se manifestar.
O individuo que acaba de abdicar é a expresión máis
clara da Reforma Política e do réxime que emana da mesma. Os dereitos populares
conculcados, así como a negación dos dereitos nacionais de Galicia, teñen un
culpable, que é o sistema que nos oprime. Nese senso, a monarquía representa a
expresión máis antidemocrática e noxenta da opresión herdada do franquismo, sen
dúbida é útil, para aqueles que nos explotan.
O rei abdicou, e o réxime fai auga por todos os lados.
A corrupción, intrínseca á lóxica do réxime, máis que nunca campa as súas
anchas. A eliminación dos dereitos laborais, os sociais e democráticos fixo
saltar as alarmas. É o momento de dicir xa chega! é o momento de acabar coa
monarquía franquista que van tratar de asegurala na persoa do fillo do rei
abdicado.
Como organización sindical galega, de clase e
democrática dicimos que é o momento da pelexa, é o momento de acabar co réxime
do 78. É o momento de que os pobos decidamos o noso futuro e que se garanta o
dereito á autodeterminación nacional.
Desde a CUT, respectando as distintas opcións
manexadas polo pobo rebelde, polos demócratas e as organizacións combativas,
esiximos a eliminación da monarquía. A convocatoria dun Referéndum, a apertura
dun proceso constituinte e a declaración da República é unha necesidade
inaprazable. En calquera dos casos o dereito do pobo galego a decidir, será
unha pauta imprescindible neste proceso.
Adiante coa República Galega!!
Compostela, 2 de xuño de 2014
Nenhum comentário:
Postar um comentário