19 marzo 2015, Contrapoder
http://contrapoder.info (Galiza, España)
Hai uns días, en 9 de marzo, o premio
Nobel da Paz, Barack Obama, asinou o decreto polo que se inicia máis unha
guerra económica contra a América Latina. Fíxoo enviando unha carta ao Congreso
na que anunciaba a aplicación, contra Venezuela, da lei estadounidense de
facultades económicas para casos de emerxencia internacional, amparándose nunha
situación que identificou como de «inusual e extraordinaria ameaza á seguranza
nacional e á política exterior dos Estados Unidos». As declaracións non
tardaron a ser cualificadas de «moi duras» por parte do secretario xeral da
Organización de Estados Americanos, José Miguel Insulza, e evidentemente a ser
descualificadas polo goberno de Caracas.
Unha
lei para intervir países
A aplicación da lei de facultades
económicas para casos de emerxencia internacional non é, sen dúbida, unha
acción menor. Non se trata, só, de se atribuir a dubidosa lexitimidade de
sancionar economicamente funcionarios dun Estado estranxeiro. Antes ao
contrario, constitúe unha chamada á
agresión na medida en que se apresenta como
pré-requisito para desatar un programa de sancións e confiscacións, tal e como
se ten verificado nos casos de Irán e a Siria, por exemplo.
Deixando á marxe a exaxero — e a
hipocrisía — de declarar Venezuela unha «ameaza extraordinaria», de toda esta
situación tíranse tamén leituras políticas. En primeiro lugar, co inicio das
políticas de sancións será aínda máis evidente a presenza dos Estados Unidos
por trás das guarimbas e doutros procesos de desestabilización, incluídas a
política de acaparamento de bens de consumo e a tentativa de golpe de Estado
revelada hai só uns días. Recorrer á guerra económica significa,
necesariamente, que a oligarquía detecta como falida — ou insuficiente — a
estratexia seguida até o momento, e que prepara unha intervención máis agresiva
co obxectivo de tombar o goberno de Caracas e por esa vía eliminar un foco de
polarización á contra que contesta a súa hexemonía.
En segundo lugar e ao mesmo tempo,
tratar de aplicar na América do Sul — xa hai analistas que falan de que o ataque
se poderia extender á Arxentina — a mesma estratexia que xa se aplica no
Oriente Medio non deixa de dar a impresión de que o obxectivo de Washington
para o subcontinente é o mesmo que pretende no mundo árabe: estabelecer estados
falidos — como a Libia ou o Iraque — que favorezan a rapina dos recursos
naturais e a recuperación daquel histórico quintal traseiro funcional para a
grande industria norteamericana.
Maduro,
reforzado
Existen, porén, algunhas diferenzas
a respeito daquela altura. En primeiro lugar, ningún país na América Latina,
agás algunha excepción como México ou Colombia, ten hoxe o vello papel de
subalternidade política. En segundo lugar, existe un proceso de integración
latinoamericana que, aínda sen ter concluído, obviamente, si ofrece un contrapeso
que noutra época non existía. As peticións de Daniel Wilkinson, director
xerente de Human Rights Watch para América Latina, para que a estratexia das
sancións se fixese de xeito combinado con «outros países democráticos na
rexión», parecen non terse concretado.
Como resultado, as acusacións
lanzadas por Maduro — e tamén por outros líderes sudamericanos — a respeito do
papel da Casa Branca na crise venezuelana veranse confirmadas e reforzadas.
Nese plano a propria figura de Maduro gañará referencialidade, non só agora
senón fundamentalmente a partir da próxima cimeira das Américas, a celebrar en
abril en Panamá, e onde ademais estará presente Cuba, depois de que os países
do sul e do Caribe teñan imposto a súa presidencia, á que os Estados Unidos se
tiñan negado desde que o organismo fora criado en 1994. O resultado é un
Washington máis isolado do que nunca — Unasur, Celac e Alba teñen rexeitado xa
este novo ataque — e que se afunde nunha multipolaridade crecente e claramente
oposta aos seus intereses.
Nenhum comentário:
Postar um comentário